danga danga

1×13 Furanchos

 

Os furanchos son un dos establecementos tradicionais máis característicos do noso territorio. Ideados como un medio de dar saída ao remanente de viño de cada colleita constitúen na súa tempada de apertura unha das citas obrigadas para que os veciños se reúnan como noutro tempo arredor dunha cunca a cantar e contar contos. As distintas iniciativas de ilegalización por competencia desleal puxeron en perigo a supervivencia destes establecementos que loitan contra o sambenito de seren restaurantes encubertos. Propietarios e parroquianos dos furanchos e membros de distintos grupos de música de Galicia desenvolverán conxuntamente actuacións nestes establecementos facendo versións propias do tema “Quen teña viño”, co fin de construir un canto único con multitude de voces a prol desta forma de relación social.