danga danga

2×10 Cuestión de fe

Pensar en relixión non ten por que ser pensar en conflito. Moitas veces a xente achégase desde a súa fe a outra xente diferente con respecto e afán de integración. Neste programa fuxiremos dos extremismos facendo que os practicantes de distintas relixións en Galicia se dean a man. Procuraremos en definitiva a integración que queda tan á marxe dos grandes conflitos que ocupan primeiras planas de xornais e informativos de televisión. Viviremos o día a día de maiorías e minorías e mobilizarémonos con eles para normalizar a súa situación, con accións amables e mesmo sorprendentes nas que PERSOAS, así con maiúsculas, presentarán á rúa a súa condición.

 

2×09 Portugal

Portugal. O país dos fados e a feijoada. Do mantón da Virxe de Fátima e das toallas a euro. De Magallanes e Mourinho. Os nosos veciños de abaixo, eses que permiten a boa parte dos galegos contestar afirmativamente cando lles preguntan se algunha vez estiveron no estranxeiro. Pois señores, Portugal xa non está tan preto. Porque por onde un día se construiran pontes hoxe proliferan as telepeaxes como fungos logo da chuvia. E se se trata de cruzar polo río, vai haber que facelo a nado ou en lanchas de estraperlo, porque o transbordador está a piques de non navegar máis. MOBilizarémonos cos afectados polo “telón de euros”, comerciantes e transportistas que ven perigar os seus negocios por contraditorias medidas en materia de infraestruturas. Atravesaremos o río nunha última viaxe, como se do Titanic se tratase, coa banda tocando ata que xa non haxa volta atrás. E ofreceremos alternativas, porque aínda hai un recuncho deste país no que a palabra fronteira non aparece no dicionario.

2×08 Consumo

As compañías telefónicas e as corporacións eléctricas acumulan no noso país un número elevadísimo de reclamacións derivadas da merma dos servizos ofertados e do sobreprezo na súa facturación. A suba dos combustibles e outros bens de uso común afogan a uns consumidores que cada vez teñen máis difícil chegar a fin de mes. MOBilízate achégase a estes cidadáns, ás asociacións que os reúnen e aos problemas que os agrupan para construír accións que lles permitan tusir á beira da maquinaria publicitaria das grandes empresas. Así valéndose de todas as ferramentas que a rede pon ao alcance do común dos mortais, e con moito humor, os consumidores toman as pantallas e enarbolan diante do público a bandeira do respecto e a loita cívica polos dereitos dos galegos.

2×07 Ilusión

Lonxe das grandes redes de distribución de contidos culturais, na trastenda das grandes xiras, no anfiteatro dos grandes espectáculos, agóchanse homes e mulleres que traballan cada día para saír adiante no mundo do espectaculo. É o caso dos ilusionistas galegos, Merlíns con familia, facturas e necesidade de chegar a fin de mes. Sacan a súa arte á rúa para achegar ao público un milleiro de sorpresas e para reclamar o seu dereito a vivir do que un día soñaron facer. E nese mundo de soños que se constrúe sobre as táboas dun escenario dan os seus primeiros pasos actores e actrices de compañías de teatro afeccionadas que, fartos de atrancos, deciden MOBilizarse eliminando todo tipo de barreiras cos seus espectadores, como naquela película titulada Noviembre.

2×06 Espazos naturais

Os homes temos a teima de construir o noso entorno sen decatarnos de canto mal podemos ocasionar na natureza que nos rodea. En ocasións o atentado ten dimensións tan cotiás que pasa desapercibido. É o caso dos verquedoiros ilegais que visitaremos nas parroquias de Campañó (Pontevedra) e Viascón (Cotobade). Noutros casos a ameaza é tan inminente que ergue nunha única voz de alarma a todo un pobo, como no caso dos veciños de Cea na súa loita contra a instalación dunha pranta de compostaxe. E hai veces nas que a conexión secular do home coa súa terra pervive no esforzo diario por conseguir que un entorno privilexiado permaneza así por sempre. Deste xeito chegaremos ao Monte Pindo e desde o seu cumio saudaremos os tempos nos que o home volva fundirse nunha aperta coa terra que lle dá a vida.